O xulgado imputará a cinco persoas despois do rexistro na Deputación Provincial de Lugo o pasado venres

O xulgado de instrución número 1 citará como imputadas ó redor de cinco persoas pola operación Pulpo, que se desencadeou o pasado venres cun rexistro na Deputación Provincial, que durou case once horas, e no que a Unidade de Delincuencia Fiscal da Policía se levou documentos, e envorcou o contido de numerosos ordenadores, sobre todo nos departamentos de comunicación, protocolo e contratación.

O xefe de protocolo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, é o único imputado polo momento nas dilixencias, iniciadas en 2013 co número 2097. As pescudas realizadas ata o momento, indican que outras cinco persoas son as que serán chamadas a declarar nesa calidade, aínda que a cifra podería variar, despois de que os policías especializados analicen a abundante información intervida.

O grupo provincial do PP cre que é necesario que o goberno presidido polo socialista José Ramón Gómez Besteiro, dea explicacións e asuma responsabilidades políticas ante a investigación xudicial.
A voceira do PP en San Marcos, Elena Candia, anunciou a presentación dunha iniciativa na reunión plenaria do próximo martes, para que Gómez Besteiro compareza canto antes.

Pola sua banda, o ente provincial remitía ós medio un comunicado hai escasos minutos, no que o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, solicita a súa comparecencia voluntaria no pleno provincial que terá lugar mañá, co obxecto de dar conta á Corporación das circunstancias en que se produciu a intervención da xuiza e as actuacións realizadas, todo isto co debido respecto ao segredo sumarial.

O xulgado do que é titular Pilar de Lara solicitou o pasado venres documentación en soporte dixital e de papel, en distintos departamentos da Deputación e do Concello de Lugo.
No caso do organismo provincial, a propia xuíza participou no traballo, en sesións de mañá e tarde. No caso do Concello, o xulgado interesouse, segundo parece, por documentación relacionada con asuntos investigados no caso Pokémon.

Na Deputación, a investigación estivo relacionada por un lado co servizo denominado Kilómetro 0, e por outro, con xestións relacionadas coa concesión de subvencións e o club de baloncesto Breogán, que estivo presidido no seu momento polo empresario Raúl López, que o deixou sendo o máximo acredor do club.