A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo xa pensa nunha segunda ‘Ruta do Cancro’

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo xa pensa nunha segunda ruta do cancro, que farán neste caso cargos do Bloque Nacionalista Galego.
A data está aínda por decidir, aínda que o presidente veciñal Jesús Vázquez, avanza que podería celebrarse no mes de xaneiro. O acompañamento a enfermos de cancro a Coruña realizarano altos cargos nacionalistas de toda Galicia.

Vázquez volve insistir en que o obxectivo é conseguir os servizos de hemodinámica as 24 horas, radioterapia e medicina nuclear para o HULA, servizos que comprometeu en dous mil once o propio presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo.

O presidente veciñal cargou contra á Conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, por permitir que enfermos teñan que realizar traxectos de catrocentos quilómetros e dez horas en coche, para un tratamento de dez minutos.

Ascenden a trece os afectados polo brote de lexionela ó sumarse outro traballador do centro para maiores de Guntín

A residencia de maiores privada de Guntín, sumou nas últimas horas unha nova hospitalización dun traballador, que elevou o total de casos diagnosticados neste centro a cinco, dos que dous están dados de alta e o resto ingresados.

Facendo reconto dos 20 días transcorridos, os afectados por lexionela son trece. Oito residentes das Gándaras -un deles seguía o venres na UCI por complicacións con outras patoloxías, e outro en planta- e ningún traballador, malia que foron varios ó servizo de urxencias con síntomas compatibles coa lexionela. Os outros cinco están localizados en Guntín.

Posiblemente ata o día 1 de decembro, se todas as análises e cultivos dan ausencia total da bacteria, poderíase levantar a corentena nas Gándaras, e restablecer o servizo de auga quente. A recollida de mostras está prevista para o venres próximo, pero os resultados non se coñecerán ata o luns.

O mesmo día que Sanidade declarou a existencia dun brote, o pasado día 10, que foi cando diagnosticaron o segundo caso, cortaron a auga das duchas e empezaron a aplicar os tratamentos para desinfectar o circuíto no que foi localizado o axente patóxeno

Confirmado un novo caso de lexionela nun traballador da residencia de Guntín

O Sergas confirmou un novo positivo por lexionela na residencia de maiores San Salvador, no municipio de Guntín, neste caso dun traballador deste centro, de titularidade privada, que non requiriu de hospitalización.

Doutra banda, o Sergas tamén confirmou que outros dous pacientes procedentes da residencia de maiores das Gándaras, recibiron a alta nas últimas horas, despois de permanecer varios días ingresados no HULA, a causa do brote de lexionela detectado nese centro, que depende da Consellería de Traballo e Benestar.

Ata o de agora, atópanse ingresados no hospital catro pacientes procedentes da residencia das Gándaras, dos oito confirmados dende o inicio deste brote. Todos eles evolucionan favorablemente.

Con respecto ós pacientes procedentes dun segundo brote, o detectado na residencia de anciáns San Salvador, atópanse ingresadas outras dúas persoas que tamén «evolucionan favorablemente».
Nesa residencia detectáronse un total de catro casos, dos que dous foron dados de alta, e outros dous continúan hospitalizados.

Dos novos casos detectados onte elevan a oito os afectados polo brote da lexionela na residencia das Gándaras

Dous novos casos de lexionela elevaron onte a oito os contaxiados pola bacteria na residencia de maiores das gándaras. Sete deles, xunto con outros tres diagnosticados no centro privado de San Salvador, en Guntín, seguen ingresados e evolucionan favorablemente.

Nas gándaras estaba previsto que empezasen a funcionar no mediodía de onte as duchas provisionais, instaladas no centro, en tanto non conclúen os labores de desinfección do circuíto de auga quente no que se localizou a bacteria. Os residentes carecen deste servizo dende o pasado luns.

Na residencia de Guntín non se coñecerá ata hoxe os resultados das análises para coñecer a orixe do axente patóxeno.

Novo brote de lexionela con tres persoas afectadas nunha residencia de maiores en Guntín

Tres persoas maiores foron ingresadas nas últimas horas no hospital de Lugo por un brote de lexionela, detectado na residencia de San Salvador, en Guntín. O primeiro caso detectouse o venres pasado, e os outros dous o domingo. Segundo informaron dende a dirección da propia residencia, de xestión privada, os pacientes evolucionan ben, aínda que seguen con febre, e cun pequeno cadro de pulmonía.

A Consellería de Sanidade tomou mostras dos diferentes condutos da auga quente da residencia, para encontrar o foco de onde partiu a lexionela. De momento, na residencia están á espera de dos resultados, e xa se activou o protocolo para este tipo de casos, que inclúe a supresión temporal da duchas, e ante calquera posible enfermidade dun residente, poñelo en illamento preventivo.

Doutra banda, dos seis casos detectados na residencia das Gándaras, dependente da Xunta, un xa foi dado de alta do hospital, e cinco permanecen aínda baixo coidados médicos.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou onte que «o brote está controlado», aínda que dende a Xunta confirman, que as medidas preventivas se prolongarán ata finais de mes, por enriba do protocolo establecido.

A Xunta de Galicia manterá medidas preventivas na Residencia das Gándarás ata finais de mes

A residencia de maiores das Gándaras manterá medidas preventivas derivadas do brote de lexionelose alo menos ata final de mes.

Así se decidiu o pasado sábado nunha reunión de coordinación entre responsables das consellerías de Traballo e Benestar e Sanidade, presidida pola delegada territorial, Raquel Arias.
Unha vez que a empresa certificou a realización da limpeza e desinfección do sistema de auga quente sanitaria -tarefa que rematou o pasado xoves-, restableceuse o uso da auga quente de acordo co protocolo.

Sanidade ten que realizar unha análise concluínte o día 28 de novembro. As mostras que se tomen con carácter previo poden dar lugar a erros, pola posibilidade de aparecer restos de pequenos fragmentos celulares.

A Xunta de Galicia decidiu continuar coas medidas preventivas adicionais, ata coñecer o resultado da analítica definitiva que se realizará o día 28.
Cabe lembrar que os casos positivos que xurdiron nos últimos días, proceden dos días previos á desinfección da rede, debido ó período de incubación da bacteria, que é de dez días.

Os tres afectados de lexionela evolucionan favorablemente

Tres dos afectados con lexionela na residencia da terceira idade das Gándaras, seguen hospitalizados no HULA, e evolucionan favorablemente, segundo fontes do Sergas.

Polo momento non se diagnosticaron novos casos, malia que os responsables de saúde pública, advertiron que podería haber máis afectados, como consecuencia do período de incubación da bacteria. O cuarto contaxiado foi dado de alta na mañá de onte.

A empresa de mantemento da residencia de maiores, podería dar por finalizada hoxe a desinfección do circuíto de auga quente, no que se localizou a bacteria. É previsible que ó longo do día recuperen o servizo interrumpido o pasado luns, para cortar o axente patóxeno.

A Xunta de Galicia toma medidas para controlar o brote de lexionela na residencia da terceira idade das Gándaras

A Xunta de Galicia acaba de adoptar medidas para controlar o brote de lexionela que se produciu na residencia da terceira idade das Gándaras, que ata o momento afecta a catro persoas.

O primeiro caso foi confirmado o día 4 de novembro, mentres que o segundo deu positivo onte, ante o que as autoridades sanitarias actuaron de inmediato, e activaron o protocolo establecido para a investigación e control, da propagación da enfermidade.

Un dos catro pensionistas foi dado de alta esta mesma mañá, outros dous permanecen «estables dentro da gravidade», e un cuarto evoluciona favorablemente, segundo informaron fontes do gabinete de comunicación do HULA.

Teresa Romero reclama 150.000 euros ó conselleiro de Sanidade de Madrid por ‘vulneración da honra’

A auxiliar de enfermaría Teresa Romero, que superou recentemente un contaxio por virus do ébola, e o seu marido, Javier Limón, van presentar esta semana unha demanda civil na que reclaman 150.000 euros ó conselleiro madrileño de Sanidade, Javier Rodríguez, por «vulneración do dereito á honra».

Nicolás Marchal, un dos avogados da parella, explicou que consideran que o conselleiro vulnerou o dereito á honra da auxiliar de enfermaría, ó acusala de «mentir e ocultar información». Antes de presentar esta demanda civil, os avogados de Teresa Romero e Javier Limón tratarán de resolver esta reclamación a través dun acto de conciliación.

Ademais, a parella emprendeu outras dúas accións legais, unha delas referente ó can do matrimonio, que foi sacrificado por orde da Consellería da Sanidade como medida preventiva.

Por outro lado, a parella decidiu presentarse como acusación particular na querela para denunciar un posible delito contra a seguridade dos traballadores, interposta en varios xulgados por asociacións e colectivos sanitarios, ante a «falta de medios e recursos» para enfrontarse a posibles casos de ébola.

O Xulgado de Instrución número 21 de Madrid xa abriu dilixencias previas pola posible existencia dunha infracción penal, tras admitir a trámite unha destas denuncias, presentada por quince médicos do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital La Paz de Madrid. Neste caso, Teresa Romero e Javier Limón pediron a través dos seus avogados unha reclamación por responsabilidade civil á Consellaría de Sanidade de 300.000 euros.

Ademais, segundo sinalou o letrado Nicolás Marchal, este posible delito contra a seguridade dos traballadores, pode levar aparellado unha responsabilidade penal se se demostra dolo ou imprudencia, cunha pena de prisión entre seis meses e tres anos contra a persoa, que se sinale como responsable.

Cruz Vermella inaugura hoxe en Lugo as súas xornadas nacionais de reposta psicolóxica en emerxencias

Máis dun cento persoas de diferentes puntos de España participarán nas duodécimas xornadas nacionais, de Equipos de resposta inmediata en emerxencias de intervención psicosocial de Cruz Vermella, que comezarán esta tarde no hotel Méndez Núñez.
Dende hoxe e ata o xoves, persoal técnico e voluntario da organización humanitaria formarase e prepararase para atender a vítimas, familiares e intervenientes en situacións de emerxencia, como desastres naturais, desaparicións de persoas ou accidentes de medios de transporte colectivo.

Dende Cruz Vermella destacan que «o adestramento é fundamental para estes equipos que xa interviñeron en escenarios como os do accidente ferroviario de Santiago, os atentados do 11-M, os terremotos de Lorca ou o accidente de Spanair,».

O acto inaugural se desenvolverá a partir das catro da tarde, e nel participarán a presidenta autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o presidente da Oficina Provincial de Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira; e a directora de Saúde, socorro e emerxencias de Cruz Vermella Española, Carmen Martín Muñoz.