A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo xa pensa nunha segunda ‘Ruta do Cancro’

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo xa pensa nunha segunda ruta do cancro, que farán neste caso cargos do Bloque Nacionalista Galego.
A data está aínda por decidir, aínda que o presidente veciñal Jesús Vázquez, avanza que podería celebrarse no mes de xaneiro. O acompañamento a enfermos de cancro a Coruña realizarano altos cargos nacionalistas de toda Galicia.

Vázquez volve insistir en que o obxectivo é conseguir os servizos de hemodinámica as 24 horas, radioterapia e medicina nuclear para o HULA, servizos que comprometeu en dous mil once o propio presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo.

O presidente veciñal cargou contra á Conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, por permitir que enfermos teñan que realizar traxectos de catrocentos quilómetros e dez horas en coche, para un tratamento de dez minutos.

O Pleno Provincial aproba os primeiros orzamentos participativos dunha Deputación en España

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes os primeiros orzamentos participativos dun organismo provincial en España, que, segundo destacou durante o debate a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, reúnen tres características: “Son uns presupostos feitoscos lucenses e para os lucenses, que cumpren coas prioridades que marcaron 55.000 veciños ó destinar 35 millóns de euros para emprego, infraestruturas e políticas sociais; aumentan os investimentos e transferencias nun 7%, e reducen en 10 millóns a débeda para deixala a cero no 2016”.

García Porto subliñou que o Goberno provincial “escoitou aos veciños e puxémonos mans á obra dende o primeiro momento, sen esperar a xaneiro. Estamos cumprindo xa este mesmo co que nos pediron e seguirémolo facendo no 2015”.

O Orzamento aprobado hoxe no Pleno, de 89,4 millóns de euros, demostra, subliñou a Deputada, “que hai unha progresista clara, viable e solvente a unha dereita que non fai máis que recortar dereitos e servizos”.

A delegada de Economía destacou neste senso que o Goberno progresista da Deputación “multiplicou por 370 veces nos últimos 8 anos os investimentos en emprego e nun 90% os fondos para servizos sociais, mentres a Xunta segue sen dotar ao HULA de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas, entre outros servizos e infraestruturas. Feijóo está desaparecido na provincia”.

Creará uns 80 novos postos traballo coa apertura do primeiro centro público de recría de España, e as 6 primeiras residencias e centros públicos da terceira idade, e seguirá impoñendo cláusulas sociais que blinden os dereitos dos traballadores.

Últimos días para presentar os proxectos da II edición do Concurso de fotografía das Reservas da Biosfera

Últimos días para a presentación dos proxectos para participar na segunda edición do Concurso de Fotografía das Reservas, que nesta edición ten como tema central Os bosques da provincia nas Reservas da Biosfera Terras do Miño, e Ancares Lucenses, Montes de Navia, Cervantes e Becerreá.

O prazo de presentación das fotografías está aberto ata o vindeiro 30 de novembro, e pódese consultar na web deputacionlugo.gal toda a información e bases deste concurso.

Os participantes nesta nova edición, deberán ser maiores de idade, e non estar premiados con anterioridade neste certame. Optan a 3 premios; o primeiro, que ascende a 800 euros, un segundo premio, de 500 euros e finalmente un terceiro, por valor de 300 euros.

O xulgado imputará a cinco persoas despois do rexistro na Deputación Provincial de Lugo o pasado venres

O xulgado de instrución número 1 citará como imputadas ó redor de cinco persoas pola operación Pulpo, que se desencadeou o pasado venres cun rexistro na Deputación Provincial, que durou case once horas, e no que a Unidade de Delincuencia Fiscal da Policía se levou documentos, e envorcou o contido de numerosos ordenadores, sobre todo nos departamentos de comunicación, protocolo e contratación.

O xefe de protocolo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, é o único imputado polo momento nas dilixencias, iniciadas en 2013 co número 2097. As pescudas realizadas ata o momento, indican que outras cinco persoas son as que serán chamadas a declarar nesa calidade, aínda que a cifra podería variar, despois de que os policías especializados analicen a abundante información intervida.

O grupo provincial do PP cre que é necesario que o goberno presidido polo socialista José Ramón Gómez Besteiro, dea explicacións e asuma responsabilidades políticas ante a investigación xudicial.
A voceira do PP en San Marcos, Elena Candia, anunciou a presentación dunha iniciativa na reunión plenaria do próximo martes, para que Gómez Besteiro compareza canto antes.

Pola sua banda, o ente provincial remitía ós medio un comunicado hai escasos minutos, no que o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, solicita a súa comparecencia voluntaria no pleno provincial que terá lugar mañá, co obxecto de dar conta á Corporación das circunstancias en que se produciu a intervención da xuiza e as actuacións realizadas, todo isto co debido respecto ao segredo sumarial.

O xulgado do que é titular Pilar de Lara solicitou o pasado venres documentación en soporte dixital e de papel, en distintos departamentos da Deputación e do Concello de Lugo.
No caso do organismo provincial, a propia xuíza participou no traballo, en sesións de mañá e tarde. No caso do Concello, o xulgado interesouse, segundo parece, por documentación relacionada con asuntos investigados no caso Pokémon.

Na Deputación, a investigación estivo relacionada por un lado co servizo denominado Kilómetro 0, e por outro, con xestións relacionadas coa concesión de subvencións e o club de baloncesto Breogán, que estivo presidido no seu momento polo empresario Raúl López, que o deixou sendo o máximo acredor do club.

Ascenden a trece os afectados polo brote de lexionela ó sumarse outro traballador do centro para maiores de Guntín

A residencia de maiores privada de Guntín, sumou nas últimas horas unha nova hospitalización dun traballador, que elevou o total de casos diagnosticados neste centro a cinco, dos que dous están dados de alta e o resto ingresados.

Facendo reconto dos 20 días transcorridos, os afectados por lexionela son trece. Oito residentes das Gándaras -un deles seguía o venres na UCI por complicacións con outras patoloxías, e outro en planta- e ningún traballador, malia que foron varios ó servizo de urxencias con síntomas compatibles coa lexionela. Os outros cinco están localizados en Guntín.

Posiblemente ata o día 1 de decembro, se todas as análises e cultivos dan ausencia total da bacteria, poderíase levantar a corentena nas Gándaras, e restablecer o servizo de auga quente. A recollida de mostras está prevista para o venres próximo, pero os resultados non se coñecerán ata o luns.

O mesmo día que Sanidade declarou a existencia dun brote, o pasado día 10, que foi cando diagnosticaron o segundo caso, cortaron a auga das duchas e empezaron a aplicar os tratamentos para desinfectar o circuíto no que foi localizado o axente patóxeno

A Xunta de Galicia pon en marcha o dispositivo para loitar contra a neve durante o inverno

A Xunta de Galicia puxo en marcha o operativo do plan de viabilidade invernal na provincia, que estará en funcionamento ata o mes de abril.

O obxectivo desta iniciativa é garantir a circulación en condicións adecuadas nas estradas de titularidade autonómica. O parque móbil que destinan a este operativo, é de 18 máquinas quitaneves e 4 retroescavadoras, que xa se encontran activas e dispostas, para actuar se fose necesario.

A nivel loxístico, contan con once silos e 4 aprovisionamentos de sal, distribuídos estratexicamente pola xeografía da provincia. A esta campaña hai que sumar catro plantas que servirán para a fabricación e abastecemento de salmoira, polo que o operativo para a provincia conta con 19 depósitos, dos distintos produtos que utilizan para o desxeo.

A xuiza Pilar de Lara irrompe na Deputación para recabar máis información sobre o programa Km0

A xuíza Pilar de Lara, irrompía a primeira hora da mañá no Pazo de San Marcos, antes das nove e media, e saía sobre as dez e cuarto, mentres sete axentes xudiciais permanecían no interior.
En concreto requiriuse información do programa quilómetro 0, un programa de excursións a concellos da provincia. Estas mesmas fontes indicaron que «son os primeiros interesados en despexar dúbidas» sobre o devandito programa.

Ó volcado informático céntrase nas áreas de Relacións Institucionais, Gabinete de Comunicación, Unidade de Protocolo e Atención Cidadá, e no Departamento de Contratación.

Segundo asemella, esta acción non está relacionada coa operación Pokemon, senón cunha investigación que comezou hai un ano, e no que está implicado o xefe de protocolo da Deputación, Juan Carlos Fernández Pulpeiro.

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo abriu no 2013 dilixencias, para esclarecer se houbo irregularidades na xestión da iniciativa Kilómetro Cero do organismo provincial.
Trátase dun destacado programa de visitas turísticas, para dar a coñecer especialmente as reservas da biosfera, e poñer en valor os 800 quilómetros de Camiños de Santiago que pasan por Lugo. Todo iso financiado con fondos europeos.

Fernández Pulpeiro foi imputado porque no seu momento presentouse unha denuncia no que se lle acusaba de dar o diñeiro de xeito irregular. Supostamente facíao en man e con escaso control, con reparticións ós guías para que estos pagasen a posteriori, os gastos de xantar dos participantes nos restaurantes.

Pilar de Lara e algúns dos policías abandonaron San Marcos pouco despois das dez e media, aínda que a xuíza regresou un anaco despois. Algúns dos axentes foron tamén ós departamentos de contratación e arquivo do Concello de Lugo.

Doutra banda, O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, atópase facendo a chamada Ruta do Cancro, acompañando a varios pacientes da provincia que se vén obrigados a recibir o tratamento de Radioterapia na Coruña.

Acompáñano entre outros, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto con varios Concelleiros, deputados provinciais, e membros da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.

Gómez Besteiro, ofreceu hoxe «toda a colaboración e transparencia» á xuíza do Xulgado de Instrucción número un de Lugo.

Confirmado un novo caso de lexionela nun traballador da residencia de Guntín

O Sergas confirmou un novo positivo por lexionela na residencia de maiores San Salvador, no municipio de Guntín, neste caso dun traballador deste centro, de titularidade privada, que non requiriu de hospitalización.

Doutra banda, o Sergas tamén confirmou que outros dous pacientes procedentes da residencia de maiores das Gándaras, recibiron a alta nas últimas horas, despois de permanecer varios días ingresados no HULA, a causa do brote de lexionela detectado nese centro, que depende da Consellería de Traballo e Benestar.

Ata o de agora, atópanse ingresados no hospital catro pacientes procedentes da residencia das Gándaras, dos oito confirmados dende o inicio deste brote. Todos eles evolucionan favorablemente.

Con respecto ós pacientes procedentes dun segundo brote, o detectado na residencia de anciáns San Salvador, atópanse ingresadas outras dúas persoas que tamén «evolucionan favorablemente».
Nesa residencia detectáronse un total de catro casos, dos que dous foron dados de alta, e outros dous continúan hospitalizados.

A Deputación presenta os orzamentos participativos para o ano 2015 nos que destinará 35 millóns de euros a emprego, infraestruturas e políticas sociais

A Deputación de Lugo presentou o orzamento provincial para Lugo do ano 2015, no que destinarase preto de 35 millóns de euros a emprego, infraestruturas e políticas sociais, o que supón o 87% dos investimentos recollidos nos presupostos.

Así o anunciou este xoves o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro en rolda de prensa, na que estivo acompañado polo Vicepresidente Primeiro, Antón Veiga, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto.

O Orzamento mantense nos 89,4 millóns de euros deste 2014, e aséntase sobre tres piares fundamentais: emprego, infraestruturas e políticas sociais.

A Deputación presentará no mes de decembro un novo plan de emprego de 5 millóns de euros, dirixido a todos os concellos da provincia, e o Orzamento do 2015 consigna outros 6,6 millóns, tamén destinados a todos os municipios lucenses.

No eido das Políticas Sociais, destacan tamén os investimentos en educación, con 1,6 millóns de euros para a única Escola de Imaxe e Son da provincia; 300.000 euros para o Campus Universitario e 318.000 euros para a UNED; cultura e museos, con 6,7 millóns de euros; e deporte, con 4 millóns. A Deputación poñerá en marcha 6 residencias públicas da terceira idade, varios campos de fútbol, e melloras en instalacións deportivas, e locais sociais en toda a provincia.

O Breogán asina un acordo de colaboración cos distintos clubes da provincia de Lugo

O C.B Breogán segue avanzando no seu propósito de establecer lazos coas entidades baloncestísticas da provincia de Lugo.O presidente do clube, Antonio Veiga, o vicepresidente da Federación Galega, José Manuel Villamaría, e o director xeral de Caixa Rural, -entidade patrocinadora-, Jesús Méndez, presentaron o acordo que inclúe bonificacións de abonos para os federados, autocares para presenciar encontros do Breogán, e participación de xogadores e técnicos do Breogán en charlas, clínics, e outras actividades en colaboración cos clubs asinantes.

O Breogán abre deste xeito as portas, para que xogadores dos equipos da provincia, poidan participar en adestramentos co primeiro equipo.