Hoxe é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e as actividades programadas dende o Concello de Lugo deron comezo coa entrega do premio de deseño gráfico para o cartel seleccionado para conmemorar este día. O cartel gañador foi obra de Javier Trigo Penedo, que competía con outros sete traballos. Pola sua banda, o alcalde de Lugo, José López Orozco, lembrou que nos últimos dez anos foron asasinadas no noso pais 750 mulleres, e que a celebración deste día debería extenderse ós 365 dias do ano.
A continuación celebrouse a tradicional ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas deste tipo de violencia, ademais da lectura do manifesto diante da árbore da vida, na Praza de Santo Domingo.
O Concello de Lugo, en colaboración coa Deputación, celebrará as cinco da tarde o acto de inauguración do destape da escultura O voo das Bolboretas, na Ronda da Muralla, diante do antigo edificio do Fogar de Santa María.
Esta escultura elaborada en pedra polo canteiro Quijada, e deseñada por Luz Darriba, pretende ser unha homenaxe a todas as mulleres que sofren estes abusos.
A partires das oito da tarde, terá lugar a representación da obra de teatro, A muller soa, de Franca Rame e Darío Fo, e que será interpretada por Ana Plaza. O acto terá lugar no Salón de Actos do Centro de Convivencia de Fingoi.
As actividades de conmemoración rematarán os días 27, 28 e 29 de novembro ás oito, cunhas veladas teatrais contra a violencia de xénero a cargo do grupo Microefectos Dramatúrxicos na rúa Menorca, na Praza de Campo Castelo, e na Praza do Campo respectivamente.
Pola sua banda, o grupo municipal do Partido Popular acusou hoxe o executivo local de utilizar o manifesto da conmemoración do 25 de novembro con fins partidistas, e de rexeitar organizar un acto institucional único.