Falece o fiscal xefe de Lugo Juan José Begué no seu domicilio da Coruña

O mundo xudicial de Lugo levantouse consternado esta mañá coa noticia do falecemento do fiscal xefe de Lugo, Juan José Begué Lezaun, que morría no seu domicilio da Coruña. A noticia sorprendeu porque Begué estivo onte a traballar en Lugo, aínda que nos últimos meses faltou porque razóns de saúde. Todo indica que esta madrugada o fiscal se tería quitado a vida. O corpo encontrouno a súa muller esta mañá na entrada da súa casa, aos arredores da Coruña.

Begué ocupaba o cargo de fiscal xefe de Lugo dende o verán do pasado ano e baixo o seu mandato fóronse desenvolvendo algunhas das macrooperacións que están en marcha na cidade. Juan José Begué, nacido en Huesca en 1970, comezou a súa carreira como fiscal en 1997, cando foi destinado á Fiscalía Provincial de Girona. No 2008 incorporouse á Fiscalía Provincial da Coruña.

No seu destino como fiscal xefe en Lugo encontrouse con varias macroperaciones xudiciais abertas e con gran transcendencia mediática, como as operacións Carioca, Campión ou Pokémon.
O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, en nome de todos os integrantes do Ministerio Fiscal na Comunidade Autónoma, «lamenta a sensible perda déaste destacado compañeiro, do que salienta a súa gran valía profesional e humana».

O xulgado imputará a cinco persoas despois do rexistro na Deputación Provincial de Lugo o pasado venres

O xulgado de instrución número 1 citará como imputadas ó redor de cinco persoas pola operación Pulpo, que se desencadeou o pasado venres cun rexistro na Deputación Provincial, que durou case once horas, e no que a Unidade de Delincuencia Fiscal da Policía se levou documentos, e envorcou o contido de numerosos ordenadores, sobre todo nos departamentos de comunicación, protocolo e contratación.

O xefe de protocolo, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, é o único imputado polo momento nas dilixencias, iniciadas en 2013 co número 2097. As pescudas realizadas ata o momento, indican que outras cinco persoas son as que serán chamadas a declarar nesa calidade, aínda que a cifra podería variar, despois de que os policías especializados analicen a abundante información intervida.

O grupo provincial do PP cre que é necesario que o goberno presidido polo socialista José Ramón Gómez Besteiro, dea explicacións e asuma responsabilidades políticas ante a investigación xudicial.
A voceira do PP en San Marcos, Elena Candia, anunciou a presentación dunha iniciativa na reunión plenaria do próximo martes, para que Gómez Besteiro compareza canto antes.

Pola sua banda, o ente provincial remitía ós medio un comunicado hai escasos minutos, no que o seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, solicita a súa comparecencia voluntaria no pleno provincial que terá lugar mañá, co obxecto de dar conta á Corporación das circunstancias en que se produciu a intervención da xuiza e as actuacións realizadas, todo isto co debido respecto ao segredo sumarial.

O xulgado do que é titular Pilar de Lara solicitou o pasado venres documentación en soporte dixital e de papel, en distintos departamentos da Deputación e do Concello de Lugo.
No caso do organismo provincial, a propia xuíza participou no traballo, en sesións de mañá e tarde. No caso do Concello, o xulgado interesouse, segundo parece, por documentación relacionada con asuntos investigados no caso Pokémon.

Na Deputación, a investigación estivo relacionada por un lado co servizo denominado Kilómetro 0, e por outro, con xestións relacionadas coa concesión de subvencións e o club de baloncesto Breogán, que estivo presidido no seu momento polo empresario Raúl López, que o deixou sendo o máximo acredor do club.

A xuiza Pilar de Lara irrompe na Deputación para recabar máis información sobre o programa Km0

A xuíza Pilar de Lara, irrompía a primeira hora da mañá no Pazo de San Marcos, antes das nove e media, e saía sobre as dez e cuarto, mentres sete axentes xudiciais permanecían no interior.
En concreto requiriuse información do programa quilómetro 0, un programa de excursións a concellos da provincia. Estas mesmas fontes indicaron que «son os primeiros interesados en despexar dúbidas» sobre o devandito programa.

Ó volcado informático céntrase nas áreas de Relacións Institucionais, Gabinete de Comunicación, Unidade de Protocolo e Atención Cidadá, e no Departamento de Contratación.

Segundo asemella, esta acción non está relacionada coa operación Pokemon, senón cunha investigación que comezou hai un ano, e no que está implicado o xefe de protocolo da Deputación, Juan Carlos Fernández Pulpeiro.

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo abriu no 2013 dilixencias, para esclarecer se houbo irregularidades na xestión da iniciativa Kilómetro Cero do organismo provincial.
Trátase dun destacado programa de visitas turísticas, para dar a coñecer especialmente as reservas da biosfera, e poñer en valor os 800 quilómetros de Camiños de Santiago que pasan por Lugo. Todo iso financiado con fondos europeos.

Fernández Pulpeiro foi imputado porque no seu momento presentouse unha denuncia no que se lle acusaba de dar o diñeiro de xeito irregular. Supostamente facíao en man e con escaso control, con reparticións ós guías para que estos pagasen a posteriori, os gastos de xantar dos participantes nos restaurantes.

Pilar de Lara e algúns dos policías abandonaron San Marcos pouco despois das dez e media, aínda que a xuíza regresou un anaco despois. Algúns dos axentes foron tamén ós departamentos de contratación e arquivo do Concello de Lugo.

Doutra banda, O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, atópase facendo a chamada Ruta do Cancro, acompañando a varios pacientes da provincia que se vén obrigados a recibir o tratamento de Radioterapia na Coruña.

Acompáñano entre outros, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, xunto con varios Concelleiros, deputados provinciais, e membros da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.

Gómez Besteiro, ofreceu hoxe «toda a colaboración e transparencia» á xuíza do Xulgado de Instrucción número un de Lugo.

A Federación de Comercio anuncia que denunciará á concelleira Carmen Basadre por falsidade documental

A polémica que manteñen a Federación de Comercio de Lugo e o Concello pola iluminación do Nadal, acaba de alcanzar unha nova dimensión, a xudicial, co anuncio, por parte da organización que preside José María Seijas, dunha denuncia por falsidade documental contra a concelleira Carmen Basadre.

A baseará en que a edil recoñeceu «a través de certificación, e en calidade de tenente de alcalde delegada, a existencia dun convenio subscrito entre a Federación de Comercio de Lugo e o Concello de Lugo, e autoriza no Nadal 2013-2014 a empresa Iluminacións Umia a instalar os equipos».

O convenio, segundo a federación, finalmente non se asinou a causa da xestión da concelleira delegada.
Segundo sinalan, dende a Federación de Comercio de Lugo e a Xunta de Galicia achegaron nos últimos anos máis de 300.000 euros para que a cidade de Lugo tivese iluminación do Nadal.
A Federación afirma sentirse satisfeita co recoñecemento do Concello de que a iluminación do Nadal é da súa enteira competencia e obriga.

A xuiza Pilar de Lara investiga se o Concello de Lugo deu unha adxudicación de xeito arbitrario ó fillo do xefe do Servizo Electromecánico Municipal

A xuíza Pilar de Lara abriu unha investigación para coñecer todos os detalles correspondentes á adxudicación, por parte do Concello, dos labores de coordinación de seguridade dunha obra dunha iluminación a un fillo do xefe dos servizos Electromecánicos, Arcadio Seco Falcón.
Este alto funcionario, que está imputado e xa declarou nesa condición o pasado mes de xuño, está a ser investigado pola súa presunta vinculación con empresas que recibirían contratos dende a institución municipal. Unha desas empresas, na que supostamente se encontra o seu fillo, sería a adxudicataria desta nova obra.

A xuíza ordenou ós funcionarios de Vixilancia Aduaneira que fosen ás oficinas municipais, para solicitar toda a documentación correspondente á concesión. Aduanas entregou á xuíza unha copia dun decreto de data 29 de setembro de 2014, relativo á contratación da coordinación de seguridade e saúde de obra, de iluminación pública na praza de Ferrol de Lugo.

O adxudicatario foi un fillo do funcionario do Servizo Electromecánico do Concello de Lugo, Arcadio Seco Falcón, segundo consta nun dos apartados dunha providencia ditada pola instrutora.

Doutra banda A xuíza Pilar de Lara ordenou esta mañá a entrada en prisión do empresario lucense Jorge Dorribo, implicado na ‘Operación Campión’ que investiga a maxistrada.
A razón, segundo fontes do xulgado de Lugo, sería o incumprimento das medidas preventivas, que lle impuxera a xuíza.

A xuiza Estela San José pecha a instrucción da operación Campeón, coa imputación de trece persoas

A xuíza lucense Estela San José, tras catro anos de investigacións, elaborou o auto final do que deu traslado ó fiscal e ás acusacións particulares, para que nun prazo de dez días, soliciten a apertura do xuízo oral.
Na opinión da instrutora, impútanse un total de trece persoas ó considerar que cometeron unha serie de delitos relacionados basicamente contra a facenda pública, tráfico de influencias, falsidade, suborno e branqueo de capitais, entre outros.

O maior número de imputacións é para Jorge Dorribo Gude, o empresario lucense que supostamente estaba á fronte da trama, e que deu lugar á macro operacación xudicial.

Agora será o fiscal quen decida cantas persoas acusa con vistas á celebración do correspondente xuízo. Como consecuencia da operación, formáronse outras pezas, entre elas a relacionada coa presunta intervención irregular do que fora conselleiro de Industria no goberno bipartito, o nacionalista Fernando Blanco, aínda que esta causa correspondeu por repartición a outro xulgado.

O Concello de Lugo estuda querelarse contra Vicente Quiroga por denuncia falsa

O goberno local de Lugo anunciou que está a estudar a posibilidade de querelarse contra o presidente da asociación Abre la Muralla, o exalcalde Vicente Quiroga, ó considerar que presentou unha denuncia falsa, en relación con supostas irregularidades na rehabilitación do antigo cárcere do partido xudicial, para convertela nun centro cultural.

O Concello de Lugo negou a existencia desas supostas irregularidades, e reiterou que as obras do vello cárcere cumpren con toda a normativa urbanística e de protección do patrimonio, como xa informou reiterada mente a Administración municipal».

De feito, precisou que os servizos municipais emitiron no seu día un informe, no que deixan claro que o proxecto cumpre a normativa urbanística de aplicación.

O goberno local considera insólito ter que deixar claro de novo, que a quen lle compete autorizar os proxectos é aos técnicos especialistas, e ós organismos que teñen encomendada por lei a obriga de velar polo patrimonio, e o cumprimento da normativa urbanística.

A xuiza Pilar de Lara levanta parte do segredo de sumario que mantiña sobre a operación Pokémon

A xuíza Pilar de Lara levantou boa parte do segredo de sumario que mantiña sobre a operación Pokémon. Da súa decisión dá conta ós avogados nun auto comunicado onte. Non obstante as partes non terán acceso a todos os documentos ata que conclúa a súa dixitalización. Este levantamento prodúcese aos tres anos de iniciarse as investigacións.

No auto que coñeceron as partes comparecidas, analízase a operación por partes, e en cada unha indícase os folios sobre os cales xa non pesa o segredo. Tamén indica os que aínda deben permanecer ocultos para os avogados dos acusados.

A operación parece estar a entrar xa na súa recta final, o cal non quere dicir que queden aínda por diante bastantes probas que poderían derivar na imputación de máis persoas.

O ex-presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, responderá do Caso Muralla a semana que ven na Audiencia Provincial

O ex-presidente da Deputación Provincial de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, sentarase a próxima semana no banco dos acusados da Audiencia Provincial para responder, no xuízo da chamada Operación Muralla, do que o ministerio fiscal cualificou como ilegalidades, na adxudicación de traballos de enxeñaría e dirección de obras.

Xunto a Cacharro Pardo sentaranse como acusados José Manuel Romay López, que foi enxeñeiro xefe do servizo de Vías e Obras, e José Enrique Cacicedo, socio da empresa que fundou o primeiro, e que supostamente, se beneficiou da adxudicación de decenas de contratos da institución provincial.

O ministerio fiscal impútalles ós tres un delito continuado de prevaricación, e outro de fraude á Administración ou, alternativamente, de negociacións prohibidas a funcionarios.

Para os tres acusados, o ministerio fiscal solicita polo delito de prevaricación unha pena de dez anos de inhabilitación, así como tres anos de prisión, e outros dez de inhabilitación por fraude á Administración.

En caso de que o xulgado estimase que houbo negociacións prohibidas a funcionarios, pide por ese delito catro anos de inhabilitación, e unha multa de 108.000 euros.

O xuízo terá lugar na Audiencia Provincial de Lugo os días 17, 18 e 19 de setembro.

O alcalde de Boqueixón declara nos xulgados de Lugo ante Pilar de Lara no marco da operación Pokemon

Jesús Sanjuás, alcalde do municipio coruñés de Boqueixón, declara hoxe ante a xuiza Pilar de Lara no marco da operación Pokémon en calidade de testemuña.

Sanjuás afirmou o chegar os xulgados de Lugo, que o contrato que o Concello de Boqueixón realizou coa empresa Vendex na época do rexedor Adolfo Gacio, imputado dentro da operación Pokemon, era totalmente legal.

A xuíza, Pilar de Lara citou para hoxe a outros membros da mesa de contratación, que terán que declarar o ser chamados como testemuñas.